I CONGRESO INTERNACIONAL e
III XORNADAS
DE EDUCACIÓN SOCIAL E ESCOLA.
UNHA ANÁLISE DA ÚLTIMA DÉCADA
30 setembro
1 outubro
2016
ourense
Por que un Congreso sobre Educación Social e Escola?
Hai 10 anos Nova Escola Galega e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia organizabamos e celebrabamos as segundas Xornadas “EDUCACIÓN SOCIAL E ESCOLA”; eran continuación daquelas realizadas, non moito tempo atrás, co título a xeito de pregunta “A Escola, punto de encontro entre o profesorado e educadores/as sociais?”.
Xa naquel segundo encontro quedaba clara a resposta e diciamos:
“A lectura dos traballos permite profundar na importante función que poden desempeñar as educadoras e educadores sociais no ámbito escolar, que se sintetizan nunha intervención máis directa no terreo da exclusión social, e nun labor educativo de carácter sociocultural e de intervención no lecer dos/as escolares cun enfoque de participación na vida comunitaria”.
Durante este período a figura profesional da Educación Social ten avanzado moito neste ámbito. A súa incorporación, en distintos territorios, dentro das propias equipas escolares posibilitounos, cos datos obtidos, unha avaliación sistemática e fiable da experiencia. Por outra banda, noutras comunidades autónomas, con diferente intensidade, teñen posto en marcha formacións, aprobado leis, ou incorporarando ás/ós educadores de xeito interno e externo, o cal amplía ese grao de información sobre a repercusión que está a ter o noso traballo .
As condicións socioculturais e económicas nas que estamos inmersos/as, incide, aínda máis se cabe, na necesaria presenza desta figura profesional como axente que potencie a prevención, o seguimento e control do absentismo escolar, a dinamización e participación familiar e comunitaria, a educación para a convivencia e resolución de conflitos e a educación en valores e competencia social.
Tamén, e como non podía ser doutra maneira, este ámbito é obxecto de estudo nas nosas universidades. Moitos son os traballos de fin de grao e de fin de mestrado que abordan a materia. E por iso, nesta ocasión, súmanse á realización deste Terceiro Encontro as tres universidades galegas.
A situación que estamos a vivir, a relevancia que está tendo este tema, e o convencemento de que a incorporación da figura profesional é imparable pese ás dificultades, lévannos a propoñer que as terceiras xornadas teñan formato de Congreso. Congreso que permita a participación dos/as congresistas a través de comunicacións e que conte coa máxima difusión e repercusión posible.